Saturday 18 de May de 2024

Ordes acollerá o vindeiro sábado o seu mercado de artesanía de Nadal


Habilitaranse preto de 30 postos que mostrarán creacións feitas con todo tipo de materias, ademais de produtos de alimentación e agasallos
O Concello de Ordes acollerá o vindeiro sábado un mercado de artesanía de Nadal. O lugar escollido para a súa localización é a Alameda, onde estes días se está a instalar unha gran carpa que acollerá aos case 30 postos dos que constará.
Entre o que se poderá adquirir haberá creacións feitas con la pura de ovella, pezas calcetadas e de gancho, coiro, sombreiros de palla, figuras en goma eva, xabóns, instrumentos musicais, bixutería e adornos e todo tipo de agasallos de Nadal. Ademais tamén se ofrecerán produtos de alimentación, como turróns ou embutidos.
A maioría dos participantes nesta primeira edición do mercado de Nadal proceden da comarca de Ordes, e permanecerán cos postos abertos dende as 11 ata as 20 horas aproximadamente.